Benvida

Principiando a década dos noventa do pasado século comezou a se formar o grupo de investigación “Filosofía, Constitución e Racionalidade”. Na actualidade está formado principalmente por profesores e investigadores da área de coñecemento de Filosofía do Dereito da Universidade da Coruña. Con anterioridade integraron o grupo outros investigadores españois e estranxeiros cos que mantén colaboración.

Para alén de estudios sobre filosofía política e teoría da xustiza clásica e contemporánea, as liñas de investigación do Grupo que explican a súa denominación apoiáronse en proxectos de investigación financiados en convocatorias públicas competitivas de ámbito estatal e autonómico. Tras centrarse inicialmente na análise crítica do pensamento xurídico contemporáneo e no eido dos dereitos fundamentais, a interpretación e aplicación do Dereito e as teorías da argumentación, a investigación orientouse cara a comprensión dos procesos de transformación do Dereito contemporáneo, en particular a constitucionalización e o neoconstitucionalismo, e con posterioridade ao estudio teórico dos denominados procesos de xustiza transicional. Simultaneamente, en conexión coas liñas e os temas anteriores, desenvólvense outras liñas de investigación sobre Bioética e Biodereito que teñen contado con financiamento público e privado e coa colaboración de institucións sanitarias. Neste terreo préstase particular atención á confidencialidade e protección de datos de saúde, á toma de decisións e ás persoas con discapacidade. Na actualidade, ambas orientacións conflúen no exame do principialismo e outras respostas metodolóxicas para a toma de decisións biomédicas e no deseño dunha proposta harmonizadora que aproveite as contribucións da teoría do Dereito, as teorías da argumentación e os dereitos fundamentais.

Xunto ás publicacións académicas e á participación en congresos, reunións científicas ou seminarios, merece ser salientada a capacidade formativa do grupo, con 19 teses de doutoramento defendidas nos derradeiros 15 anos e media ducia máis en proceso de defensa e elaboración, por parte de investigadores españois e iberoamericanos.

.